O PP pide que se investigue a presunta compra de votos con fondos públicos do PSOE andaluz
Medra a polémica pola suposta compra de votos con fondos públicos por parte do PSOE nun municipio sevillano. O PP pídelle á Xustiza que investigue os documentos que probarían a contratación eventual de veciños no concello, a cambio de que estes votasen os socialistas nas urnas.
"Se a fiscalía non actúa, nós temos pensado levar o tema ante a xustiza. Non pode quedar nun titular, non pode quedar nun tema anecdótico", asegura o secretario xeral dos populares, Teodoro García Egea.
Pedro Sánchez restoulles credibilidade aos documentos destapados onte polo xornal ABC. Desde o PP pídenlle máis explicacións ante o que cualifican como perversión democrática.
"Unha chantaxe absolutamente sistematizada a todos os veciños, que é a perversión mesma da democracia. Creo que o PSOE debería dar explicacións, e sobre todo o señor Pedro Sánchez", di García Egea.
"Estráñame moito. Pero en todo caso o que lle podo garantir é que o PSOE é un partido con firmes principios democráticos", asegura Pedro Sánchez.
ABC publica hoxe que o PSOE andaluz fixo un censo daqueles veciños de Huévar, unha terceira parte do total de tres mil, aos que lles deu traballo no concello, para poder despois esixirlles o voto nas urnas.