O Partido Popular levará a lei de vivenda ao TC e non a aplicará alí onde goberna
• Feijóo advirte que a Xunta non permitirá que se invadan as súas competencias
• A norma dá 18 meses aos grandes posuidores para limitar o alugueiro
EFE
O presidente do PP, Pablo Casado, avanzou este mércores que o seu partido vai recorrer a lei de vivenda anunciada polo Goberno ante o Tribunal Constitucional, do mesmo xeito que fixo hai un ano cunha lei similar aprobada en Cataluña, e asegurou que non se aplicará nas comunidades e nos concellos gobernados polo partido.
Nunha entrevista en Telecinco, Casado considerou que a lei anunciada ataca a liberdade e a seguridade xurídica e supón un intervencionismo que é "suicida" porque "o que vai facer a xente é non poñer pisos en alugueiro" e "vai subir o prezo".
"Isto é o comunismo: exprópiese ás empresas e autónomos que gañan diñeiro", dixo o líder dos populares, quen tamén lamentou os anuncios que fixo o Goberno sobre o seu futuro proxecto de lei que se se ten un piso baleiro o imposto de bens inmobles (IBI) poida subir "un 150 %".
Casado remarcou que está "a favor da liberdade de cada persoa, de facer o que lle dea a gana co que é seu sen que veña o Goberno para dicir que tes que facer co teu piso que gañaches toda a túa vida traballando".
Por iso engadiu: "Non se vai a aplicar, nin nesta parte de dicir a canto tes que sacar o teu piso en alugueiro nin na parte de dicir que se o tes baleiro, pódeche subir o IBI un 150 %. E que imos facer? Levalo ao Constitucional".
Varios presidentes autonómicos, entre eles o da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, criticaron o contido que se foi coñecendo sobre a lei de vivenda. O presidente de Murcia, Fernando López Miras, confirmou que na súa comunidade a norma non se vai aplicar, por considerala "unha lei expropiadora". O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almedia, dixo que o seu concello non vai subir o IBI.
Bolaños: "Non aplicar a lei prexudica os propietarios e os inquilinos"
O ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños, advertiu este mércores ás comunidades que se mostraron remisas á lei de vivenda que se non a aplican, "prexudicarán" a todos: propietarios e inquilinos, porque non poderán acollerse aos beneficios e bonificacións fiscais que ofrece.
Así o asegurou nunha entrevista en TVE, cando lle preguntaron polas reticencias dalgunhas comunidades e o rexeitamento do Partido Popular á mesma, porque entende que a lei de vivenda que pactou o Goberno de coalición é un "ataque sen precedentes á propiedade privada".
Tras sinalar que o Executivo toma as medidas que lle corresponden a nivel estatal e que respecta as competencias autonómicas e locais, Bolaños apuntou que a lei é "moi ambiciosa" e contén medidas "de todo tipo" para garantir o dereito á vivenda.
Aclarou que para acceder aos beneficios e bonificacións fiscais que ofrece a normativa é necesario que as comunidades presenten a solicitude ao Executivo e que, en caso de non facelo, "prexudicarán a todos: propietarios e inquilinos".
O ministro subliñou que a lei beneficia a todas as persoas físicas: aos arrendadores porque se poderán deducir bonificacións fiscais de ata un 90 por cento se baixan a renda, e aos inquilinos porque van ter axudas e poderán ter acceso a unha vivenda en condicións especiais.