CRTVG

Buscar

O PP esixe a continuación das sesións de control despois de Semana Santa

Publicado o 07/04/2020 09:44
O PP esixe a continuación das sesións de control despois de Semana Santa

A portavoz do PP no Congreso, Cayetana Álvarez de Toledo, esixirá este martes na Xunta de Portavoces que se recuperen as sesións de control semanais ao Goberno despois de Semana Santa e propoñerá o regreso do máximo número posible de deputados a partir do próximo pleno, previsto para este xoves.

Ambas as accións enmárcanse no "plan para a reapertura inmediata do Congreso" deseñado por Álvarez de Toledo, que considera que "se o pleno pode reunirse para validar a ampliación da alarma cada 15 días, tamén pode controlar o Goberno cada semana".

Ademais de recuperar as sesións de control, o PP pedirá que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, compareza a semana que vén ante o Congreso para dar conta dos cinco últimos Consellos Europeos, unha "obrigación legal que incumpriu", afirmou este martes nun comunicado Álvarez de Toledo.

A portavoz popular presentou ademais un escrito á Mesa do Congreso para que levante a suspensión do cómputo dos prazos de tramitación de iniciativas.

De non facelo, advertiu, acudirán ao Tribunal Constitucional ao entender que a suspensión "anula de facto a capacidade de control que a oposición ten sobre o Goberno", o cal, a xuízo do PP, vai en contra do artigo 116.5 da Constitución.

Na súa opinión, a Mesa excedeuse nas súas competencias e vulnerou os dereitos de representación política dos deputados.

Entre as medidas para a "reapertura" do Congreso presentadas este luns por Álvarez de Toledo aos grupos parlamentarios do PP do Congreso, o Senado e o Parlamento Europeo, inclúese a asistencia ao pleno de xoves, que debaterá a prórroga do estado de alarma, de cantos deputados sexa posible desde o punto de vista sanitario.

Isto supón gardar un metro de distancia entre un e outro, un escano, o que permitiría ao PP estar presente con ata 45 deputados.

"É hora de que os españois nos vexan. É hora de que saiban que os deputados do Partido Popular traballan en primeira liña", recalcou Álvarez de Toledo, para quen "non hai ningún motivo" polo cal os plenos e comisións non se poidan celebrar coa fórmula mixta de reunión presencial con posibilidade de voto telemático.

Na súa opinión, pódese reunir unha comisión ao día, nas salas máis grandes do Congreso e cos deputados mantendo as distancias de seguridade entre eles.

O PP tamén esixirá a cualificación de todos as iniciativas que se rexistran, cun reforzo de letrados se é necesario, e a posibilidade de que os grupos poidan ofrecer conferenicas de prensa desde o Congreso. "Se no Palacio da Moncloa se poden celebrar comparecencias fake, no Palacio do Congreso pódense celebrar conferencias de prensa de verdade", afirmou Álvarez de Toledo.