CRTVG

Buscar

O PP di que Sánchez nunca quixo pactar con eles porque ten "alerxia" a un goberno moderado

Publicado o 14/11/2019 15:15

No Partido Popular alertan sobre as consecuencias de que os independentistas apoien a investidura. Din que Sánchez ten alerxia a un goberno moderado e que por iso nunca quixo un acordo co PP.

Javier Maroto, voceiro do Partido Popular no Senado, aseguraba esta mañá nunha entrevista radiofónica que "Sánchez dixo: 'Eu co PP non". E díxoo claramente. A min preocúpame bastante máis que estea Otegui falando de aministía aos presos da ETA e que estea Puigdemont, o outro socio imprescindible, e Torra dicindo que hai que volver á mesa de partidos. Esa onde sobran as maiorías parlamentarias, onde hai relatores...".

Así, mostrouse "preocupado" polo camiño que tomou para tentar formar un Executivo de coalición xunto a Pablo Iglesias, algo que por outra banda apuntou que a día de hoxe é só "unha foto".

"Hoxe hai unha foto de dous perdedores que se necesitaban abrazar mutuamente para non ser acurralados polos propios", subliñou o senador, para quen o Goberno de Sánchez é agora "tan real" como o orzamento "marabillosamente social" que asinou hai meses na Moncloa con Iglesias e que despois tombou o Congreso.

Ante este panorama, o portavoz foi contundente ao proclamar que para o PP "primeiro está España e logo o partido" algo que, segundo insistiu, demostrou en máis dunha ocasión, como cando apoiou no País Vasco a Patxi López para que fose elixido lehendakari fronte aos independentistas vascos.

Pero, en todo caso, evitou concretar que faría a súa formación en caso de que a operación de Sánchez non saíse adiante ou que rectificase e optase por tratar de gobernar en solitario, baixo o argumento de que esa opción agora nin sequera se expuxo e o que hai é un intento de formar un Goberno "nefasto" para España, co "PCE" na vicepresidencia.

Javier  Maroto reivindicou a independencia do seu partido respecto a Vox, por moito que crecese o partido de extrema dereita que, segundo lembrou, "non está sentado no Comité de Dirección do PP", ademais de subliñar que "en absoluto" senten "condicionados" pola formación de Santiago Abascal.

O PP, insistiu, adoptará as súas propias decisións en función do seu programa e os intereses de España, e en todo caso opina que os votantes de Vox poden pensar que se concentrasen o voto de centrodereita arredor do PP, este partido lograría 178 deputados e non estarían lamentado o "horror" do Goberno que prepara Sánchez.

 

Noticias web

14/11/2019