CRTVG

Buscar

O PP critica o Goberno por cambiar a Lei de costas "pola porta de atrás"

Publicado o 16/06/2020 20:31

O proxecto de lei de cambio climático, en tramitación no Congreso, inclúe un artigo que impide as prórrogas da concesións no dominio marítimo terrestre. O PP denuncia unha modificación do regulamento da Lei de costas pola porta de atrás e en pleno estado de alarma. Cre ademais que aboca ao peche dun cento de empresas galegas.

Pilar Rojo, senadora do PP reprochoulle que "colocaron vostedes unha espada de Damocles sobre a costa galega e din que non nos preocupemos, cando son conscientes de que xa hai empresas con problemas. Só queremos que nos diga que lle fixemos os galegos a este Goberno, porque abordar unha modificación deste calado sen consenso é unha absoluta insensatez"

Segundo Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica, "non hai ningún problema deses aos que vostede alude. Sábeo ben a industria conserveira que se reuniu xa 3 veces coa Demarcación de Costas en Galicia, xa saben que poden participar nos procesos de modificación das normas que corresponda e que teñen garantida a súa viabilidade e as renovacións, mesmo se non o solicitaron en prazo"

Antes, o PP ofrecéralle a Pedro Sánchez unha comisón no Senado para buscar un pacto pola sanidade. O presidente lanzou unha contraproposta máis ampla que os populares interpretaron como un rexeitamento da súa.

Javier Maroto, voceiro do PP no Senado, cre que "o seu é un erro e non unha sorpresa porque é unha das patas que o levaron aí. Vostede vendeu a súa alma política ao diaño ao pactar con independentistas e extrema esquerda estar na Moncloa a calquera prezo"

Respóndelle Pedro Sánchez, presidente do Goberno, que "estaría ben que lle dixese, nese ánimo que ten de tender a man, á señora Dolors Montserrat no Parlamento Europeo que non se aliñe cos falcóns á hora de atender as demandas de España"

Tamén na Cámara Alta, o senador popular Javier Guerra criticou o Goberno por non acordar coas comunidades autónomas o plan da automoción. A ministra Maroto respondía que o importante é que está pactado con todos os representantes da industria.

Noticias web

16/06/2020