CRTVG

Buscar

O PP confía en manter o goberno da Deputación de Ourense

Publicado o 28/05/2019 16:19

Todas as miradas están postas no partido xudicial da capital da provincial. Reparte 15 dos 25 escanos da Deputación. O PP contaba ata agora con oito. Na revisión de papeletas nalgunhas mesas da cidade dirímese un deses escanos, que está no aire por un cento de votos. Se o reconto final deixa a repartición como está, o PP quedaría con 12 deputados. O PSOE tería nove, Democracia Ourensana dous, o BNG un e Ciudadanos un. O PP perdería a maioría absoluta. Iso si, podería gobernar en minoría ou facer un pacto con Ciudadanos que tería a clave para que o PP siga nesta institución que leva gobernando desde hai 30 anos.

Quedan papeletas por revisar e reclamacións pendentes de resolución para que se confirme oficialmente a perda da maioría absoluta do PP na Deputación de Ourense. E nese escenario, o escano de Ciudadanos convértese en clave de goberno. 

Laureano Bermejo, secretario de Organización de Ciudadanos en Galicia: "Simplemente escoitamos as propostas dos outros partidos políticos, e logo avaliarémolas, poñerémolas sobre a mesa e tomaremos a decisión que sexa mellor e máis consecuente para os nosos votantes".

Para a alternativa ao PP, Ciudadanos tería que sumar co PSOE, Democracia Ourensana e BNG, formacións ideoloxicamente distantes. Non é doado e o PP sábeo.

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG: "Todo parece indicar que estamos a un da maioría absoluta. En calquera caso, ou ben en minoría ou ben cun acordo puntual con Ciudadanos, está garantido o goberno do PP na Deputación provincial de Ourense".

Unha abstención de Ciudadanos chegaría para manter a José Manuel Baltar á fronte da Deputación, gobernando en minoría.

Noticias web

28/05/2019