CRTVG

Buscar

O PP bloqueará calquera intento de reforma da CE que non sexan meros retoques

Publicado o 06/12/2018 20:24

O PSOE insiste en que hai que reformar a Constitución para adaptala aos tempos e pide unidade para sacar adiante a proposta do Goberno de modificar dous artigos co fin de acoutar os aforamentos dos ministros, deputados e senadores.

"Chamo o resto de partidos a que se sumen a esa necesaria reforma para seguir avanzando polo menos durante outros 40 anos", di Adriana Lastra, do PSOE.

Na mesa liña está Unidos Podemos, que defende que reformar a Constitución é urxente e saudable.

"Eu creo que un debate moi saudable e que sería moi importante que en España se asumira que a xustiza social e a fraternidade se constrúen mellor desde valores republicanos que desde valores autoritarios", asegura Pablo Iglesias.

En fronte están Ciudadanos e o PP, que consideran que este é o peor momento para tocar a Carta Magna.

Albert Rivera di: "Eu apelo aos partidos constitucionalistas porque xuntos sumamos dous terzos da Cámara e podemos facer algunhas reformas. Pero claro, o Sanchismo tería que volver darse a man con Ciudadanos e co Partido Popular".

Pablo Casado opina: "Se agora mesmo abrimos un proceso de reforma acabariamos tendo na mesa a república, a nación catalá, a ruptura do sistema político, da nosa monarquía parlamentaria e constitucional que foi a garante destes 40 anos de concordia e de éxitos compartidos".

O PP xa anuncia que bloqueará calquera intento de reforma da Constitución que non sexan meros retoques.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2018