CRTVG

Buscar

O PP advirte de que a reforma do Poder Xudicial pode poñer en risco os fondos europeos

Publicado o 15/10/2020 18:59

A polémica pola reforma do sistema de elección do Poder Xudicial chega a Bruxelas. O Partido Popular advirte de que o movemento do Goberno pon en risco a chegada dos fondos para a reconstrución. O PSOE négao.

Pablo Casado, presidente do PP, dixo que "nun momento no que estamos negociando uns fondos de reconstrución que piden dúas cousas fundamentais, reformas e garantir e fortalecer o estado de dereito, isto é unha gran irresponsabilidade".

Segundo Iratxe García, voceira do PSOE no Parlamento Europeo, "é totalmente falso. Os fondos de recuperación para España non corren ningún perigo pola reforma do Consello do Poder Xudicial. O que están algúns facendo con este debate ficticio é trasladar un debate ás institucións europeas que a día de hoxe non existe".

Fontes da Comisión si avisan que calquera reforma do sistema xudicial debe facerse tras consultar a todos os actores para evitar poñer en perigo a independencia xudicial, unha idea coa que coincidía a fiscala xeral do Estado, Dolores Delgado: "É moi bo escoitar, oír, chegar a solucións a partir dese consenso, dese acordo".

Pedro Sánchez non se referiu a esta controversia no inicio dun cumio europeo do que España máis unidade contra a pandemia: "E España querería seguir harmonizando esa resposta a nivel europeo no ámbito das corentenas ou da restrición de mobilidade".

O brexit volverá copar a atención dun Consello Europeo en que a presidenta da Comisión, Ursula Von der Leyen, tivo que marchar tras o positivo por covid-19 dun membro do seu equipo.

Noticias web

15/10/2020