CRTVG

Buscar

O positivo dun paciente do hospital Montecelo obriga a illar persoal sanitario en Pneumoloxía

Publicado o 15/08/2020 16:16

Un positivo detectado nun paciente ingresado no hospital Montecelo, en Pontevedra, obrigou a illar o persoal do centro que estivo en contacto con el, concretamente na zona de Pneumoloxía. Segundo trasladan fontes sanitarias, o afectado contaba con PCR negativa e converteuse en positivo durante o ingreso.

Nestes momentos continúa hospitalizado e aplicouse o protocolo aos profesionais de maior risco e maior contacto e con este paciente. De momento, non se deu a cifra concreta de persoal en seguimento, á espera de novos resultados, pero todas as probas practicadas ata agora deron negativas. 

Dúas repuntas en Ourense. Hai sete persoas illadas

En Ourense rexistráronse dúas novas repuntas no último día. No Carballiño hai catro persoas da mesma familia en illamento domiciliario. Son unha muller de 42 anos, dous mozos de 12 e 22 e unha menor de 15.

Segundo fontes sanitarias, trátase dun caso importado, o segundo que se dectecta neste concello en agosto. O segundo gromo afecta a tres mulleres dunha mesma familia que non viven xuntas. Residen en concellos distintos e están illadas na casa e estúdanse os seus contactos.


En Lugo, por riba dos cen casos activos o último gromo detectado é o de Cospeito. Unha persoa maior permanece ingresada, pero hai polo menos unha decena de infectados, entre eles unha traballadora do servizo de axuda no fogar e dous nenos. Todos son da mesma familia e viven en tres casas distintas. Os seus contactos, case unha trintena, tamén están en corentena... O resto da veciñanza tampouco saíu moito á rúa neste sábado festivo.

A repunta de Castro de Rei mantense con seis positivos. Son xornaleiros dos invernadorios de Begonte e Cospeito. Hai medio cento de persoas en corentena. Fixéronselles probas PCR aos traballadores da empresa na que traballa o primeiro contaxiado e todos deron negativo.

En Burela, só catro mariñeiros do Punta dos Xuncos puideron deixar o barco e gardar corententa preventiva na casa, tras daren negativo. A maior parte da tripulación continúa confinada no barco.