CRTVG

Buscar

O positivo dunha nena obriga a activar o protocolo en dous centros educativos de Sanxenxo

Publicado o 14/09/2020 17:25
O positivo dunha nena obriga a activar o protocolo en dous centros educativos de Sanxenxo

O positivo por COVID-19 dunha menor de Sanxenxo obrigou a activar o protocolo de seguridade en dous centros educativos do municipio. A nena, que estuda no CEIP Magaláns, comezou a mostrar síntomas da infección o pasado venres. Despois de que lle fixesen unha PCR onte domingo, confirmouse o seu positivo.

O Concello de Sanxenxo confirma que o colexio xa facilitou ás autoridades sanitarias a listaxe de alumnos e docentes con que estivo en contacto a nena para, chegado o caso, practicar as probas de diagnóstico ou os illamentos pertinentes.

Esta alumna ten dous familiares matriculados na escola infantil O Revel cos que mantén un contacto estreito, isto obrigou a activar o protocolo tamén neste centro. As dúas menores xa non acudiron hoxe á gardería e, tras a confirmación do positivo, practicaránselles as probas PCR. A dirección da gardería comunicou ao resto das familias das alumnas destas dúas aulas a situación e as medidas para seguir.

No Concello de Sanxenxo destacan que "o que ocorreu é un escenario previsto polas autoridades sanitarias e educativas" e, por tanto, "aínda que o ideal é que non houbese contaxios, esa non vai ser a realidade". Estas mesmas fontes advertiron de que "ao longo do curso produciranse situacións similares" e destacaron que "o relevante é que se apliquen os protocolos establecidos coa máxima eficacia posible para evitar a propagación do virus".

Máis sobre Sanxenxo