CRTVG

Buscar

Illan o persoal e bloquean varias camas no hospital universitario de Ferrol, tras o positivo dun profesional

Publicado o 22/08/2020 21:47

Na área sanitaria de Ferrol, aumentan en oito os casos activos, ata deixar o total roldando a centena, serían 97. O positivo dun profesional do hospital universitario de Ferrol, obrigou a illar o persoal e a bloquear varias camas. 

Nada máis coñecerse que deu positivo en covid-19 un traballador do hospital Arquitecto Marcide, a maioría dos profesionais cos que compartía actividade laboral entraron en corentena preventiva. Ademais, bloqueáronse 23 camas da quinta planta do centro sanitario ferrolán. Procedeuse tamén á desinfección da planta para evitar novos contaxios. Isto en canto á área sanitaria de Ferrol. A da Coruña-Cee, segue unha xornada máis á cabeza en número de casos en Galicia, con máis do 54 % dos contaxios activos. Foron 53 máis nas últimas 24 horas. En función do que vaia ocorrendo, o comité técnico, que se reunirá outra vez o luns, podería ampliar as medidas restritivas vixentes. 

A área sanitaria da Coruña-Cee segue sumando contaxiados. O último informe da Consellería de Sanidade recolle 53 casos novos en 24 horas. En total, hai 1.167 casos activos nesta área sanitaria. Máis do 54% dos rexistrados na comunidade.
Hai que lamentar ademais o falecemento de dúas mulleres 91 e 89 anos ingresadas no CHUAC e dun home de 92, usuario da residencia de anciáns Orpea, de Culleredo, que nestes momentos ten catro traballadores e dez avós infectados.

A cidade da Coruña concentra a maior parte dos contaxios da área sanitaria e dentro da cidade, os barrios con máis casos son os Maios, o Ventorrillo, a Agra do Orzán e a Sagrada Familia.
O comité técnico decidiu onte manter de momento as restricións actuais pero o luns reúnese outra vez e non se descarta que poida amplialas para axudar a aplanar a curva de contaxios.
Os alcaldes da área metropolitiana pediron a axuda da población. Que eviten reunións de máis de dez persoas e que cumpran coas normas establecidas.
A Policía Local de Cambre, por exemplo, multou 80 persoas por non levar a máscara nas últimas dúas semanas.

Ao tempo, seguen adiante o cribado entre xente nova na Coruña e as probas aos colectivos máis expostos nos concellos próximos. O luns vanas facer no de Culleredo.
Nas últimas 24 horas fixéronse 1.493 PCR nesta área sanitaria.

 

 

 

Noticias web

22/08/2020