CRTVG

Buscar

O positivo dun menor do Centro Príncipe Felipe de Pontevedra pon en corentena outras 13 persoas

Publicado o 21/09/2020 20:49
O positivo dun menor do Centro Príncipe Felipe de Pontevedra pon en corentena outras 13 persoas

A Deputación de Pontevedra activou o sábado o protocolo no Centro Príncipe Felipe tras coñecerse o positivo dun menor que reside nas súas instalacións. Así, permanecen en illamento outras 13 persoas —seis mozos e sete traballadores— por seren contactos directos. 

Mediante un comunicado, o goberno provincial informou que aos seis menores xa se lles practicou a preceptiva PCR este domingo e que deron todos negativo, aínda que manterán a corentena preventiva durante 14 días. Este luns, pola súa parte, pasaron pola proba os empregados, que están á espera nos seus domicilios. 

A dirección do Centro Príncipe Felipe, coa supervisión do Servizo de Prevención da Deputación, activou o sábado o protocolo tras a detección do contaxio de coronavirus dun mozo, que se atopa asintomático e que permanece nunha unidade de illamento, igual que os compañeiros cos que mantivo contacto estreito.

Ademais, fíxose un rastrexo de todos os seus contactos casuais, aínda que non fosen estreitos, e o Servizo de Prevención xa solicitou a realización dunha proba PCR "para minimizar ao máximo o risco que puidese existir". Ao permaneceren en corentena sete traballadores das instalacións, a Deputación mantén activada unha bolsa de contratación por se fose necesario cubrir baixas no persoal.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, desprazouse este mesmo luns ao Centro Príncipe Felipe para trasladar o seu agradecemento á dirección "polo enorme e complexo traballo que están a facer" por cumprir todos os protocolos de seguridade. Tras reunirse co equipo directivo, Silva sinalou que a súa "prioridade" é "a atención básica, sanitaria e emocional" dos nenos e nenas. 

"Ninguén pode esquecer que estes centros son o fogar destes menores e, por tanto, deben cubrirse as súas necesidades exactamente igual que o fai cada familia ante esta situación", subliñou. Neste encontro, a presidenta coñeceu de primeira man as medidas que se avalían canto ás entradas e saídas diarias do centro, mentres existan as restricións que mantén a Consellería de Sanidade na cidade de Pontevedra desde a semana pasada. Neste sentido, en función da evolución da pandemia, non se descarta ningún reforzo adicional que fose necesario.