Soben a cinco os positivos no cámping de Muros con 23 usuarios illados
Un total de cinco persoas relacionadas cun cámping de Muros deron positivo nas probas que se lles realizaron para detectar a covid-19, informaron este domingo fontes sanitarias. O sábado coñecéronse os positivos de dúas persoas que se aloxaron nos últimos días nas instalacións.
O rastrexo levara a illar outros 23 usuarios, considerados contactos estreitos e que fixeron unha PRC. As probas mostraron que outras tres persoas se contaxiaron, o que eleva o total a cinco. Ao longo do domingo, un equipo sanitario fará probas PCR ao resto dos ocupantes do cámping, situado na zona da praia de Louro.
As dúas persoas infectadas nun primeiro momento son dúas mulleres da mesma familia, clientas habituais deste cámping San Francisco de Louro e están illadas no seu domicilio na Coruña con síntomas leves. Marcharan do establecemento a mediados da semana e este sábado chamaron avisando do seu positivo.
A mañá transcorre con tranquilidade. Para evitar calquera contaxio, os 23 campistas aos que se lles fixo unha proba PCR están illados nas súas parcelas, nun lado do cámping ao outro. O resto de usuarios poden moverse con normalidade.
Fóra do establecemento houbo que localizar outras 15 persoas que tiveron relación coas infectadas. Na tardiña do sábado a noticia causou nerviosismo entre as persoas aloxadas no recinto, algunhas mesmo decididon irse en canto puideron facelo. No cámping continúan uns 90 usuarios, a metade dos que habia onte.