CRTVG

Buscar

O neno que se picou cunha xiringa en Santiago deberá someterse a controis

Publicado o 11/03/2019 19:58

Desacougo da familia do pequeno vasco que hai unhas semanas se picou cunha xiringa infectada con hepatite C mentres xogaba co seu pai nunha pista deportiva preto do hospital Gil Casares de Santiago. Os expertos aseguran que as probabilidades de que se contaxie son escasas, pero durante un tempo ten que someterse a controis para determinalo. Os veciños aseguran que non é un punto conflitivo, aínda que no barrio o Concello si ten identificados outros lugares onde si é habitual que aparezan xiringas. O Concello anunciou que vai incrementar os controis dos servizos de limpeza neses puntos.

Foi nesta cancha de baloncesto próxima ao hospital Gil Casares de Santiago. O pequeno viñera cos pais do País Vasco visitar uns familiares. Xogaba á pelota co pai cando lle caeu nunha canalización de auga. Foi buscalo e picouse cunha xiringa que había no chan. Os pais levárono a urxencias e os médicos confirmaron que a xiringa estaba infectada do virus da hepatite C. As probas ao neno deron negativo, pero aínda así terá que seguir uns controis periódicos nos próximos meses. Os expertos, aínda así, son optimistas e aseguran que as probabilidades de que se puidese contaxiar son baixas.

O avogado da familia do neno asegura que están moi preocupados e pendentes dos resultados das próximas probas e, polo momento, non iniciaron accións legais é espera do que ocorra. Desde o Concello aseguran que no barrio de Santa Marta detectaron puntos conflitivos onde os toxicómanos van picarse e deixan tiradas as xiringas, pero non é o caso desta pista deportiva. Aínda así, esta mañá celebrouse unha xuntanza co servizo de limpeza para aumentar a vixilancia nestes lugares.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/03/2019