O porto de Vigo recibe estes días numerosos transatlánticos
Unha media de oitenta transatlánticos atracan anualmente nos peiraos de Vigo onde operan xa dúas terminais de cruceiros xestionadas por senllas consignatarias.
Esta semana a cidade recibirá cinco grandes buques, algunha das escalas non estaba prevista, pero recalou en Vigo, grazas a ser o mellor porto refuxio do Atlántico en casos de temporal. Agora as consignatarias traballan en converter Vigo en porto de saída e termo de cruceiros, xa que é o que xera maiores beneficios económicos para a cidade.
Moitos dos habituais dos cruceiros xa coñecen ben o porto e a cidade, outros chegan por primeira vez. Neste de hoxe atopamos rusos, australianos, españois, británicos e franceses.
A vella zona da Pedra, cos comercios e as ostras, é unha das zonas que recibe máis turistas e tamén o centro comercial da Laxe.
Os comercios, os guías turísticos, as navieiras que viaxan ás Cíes son os grandes beneficiados das visitas dos cruceiros que levan arribando e saíndo de Vigo desde os tempos fortes da emigración.