CRTVG

Buscar

O Pórtico da Gloria reabre ao público, tras meses pechado pola pandemia

Publicado o 14/04/2021 14:55

É unha obra capital da arte universal. Este mércores o Pórtico da Gloria, na catedral de Santiago, reabre ao público, tras meses pechado debido á pandemia. O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, di que "volver a visitar o Pórtico da Gloria, que é tan simbólico, é a mellor mensaxe de que volvemos a pensar que é posible esa normalidade".

Grazas a un convenio entre a Fundación Catedral e a Xunta, nesta primeira fase de reapertura o Pórtico da Gloria pode visitarse de forma gratuíta, durante un máximo de 25 minutos. Os grupos limítanse a 20 persoas e ofrécense un total de mil prazas semanais.

Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral: "É un espazo que estaba moi deteriorado e houbo que facer moito traballo na policromía e na pedra"- explica Daniel Lorenzo, o director da Fundación Catedral. "Meter un gran número de persoas supón que a xente empeza a empregar as columnas e a pedra como zonas de apoio. E iso acaba afectando á conservación do monumento", conclúe. 

O conxunto escultórico do Mestre Mateo seguirá de momento encapsulado para controlar a humidade ambiental, outra das ameazas ás que se enfronta a obra, máxima do románico en Europa, e porta de entrada occidental á catedral compostelá.

Noticias web

14/04/2021