CRTVG

Buscar

O popular Gumersindo Galego, novo alcalde de Fene logo da moción de censura

Publicado o 07/04/2018 14:46

Fene ten novo alcalde. O popular Gumersindo Galego tomou esta mañá o bastón de mando. Foi logo dunha moción de censura do Partido Popular e Somos Fene ao goberno en minoría do nacionalista Juventino Trigo. Saíu adiante coa abstención do PSOE. 

Gumersindo Galego é o novo alcalde de Fene, contou co apoio dos dous concelleiros de Somos Fene e a abstención dos socialistas, que formaron parte do goberno do concello a principios da lexislatura. O alcalde saínte, Juventino Trigo, xa pon a vista nas vindeiras eleccións municipais.

"É un día triste para Fene. Marchamos co deber cumprido feito e poñendo a vista nas vindeiras eleccións, que situarán a cada un no seu sitio", dixo o alcalde saínte, Juventino Trigo.

Foi un pleno tenso onde os socialistas tiveron máis dunha recriminación ao seu antigo socio de goberno.

"A culpa de que non haxa un goberno de esquerdas é de Juventino Trigo, e do BNG", recriminou o socialista Antón Noceda.

Pero sen dúbida o momento con máis interrupcións do público foi cando interveu o concelleiro de Somos Fene.

"Sabemos que ao apoiar ao PP imos ter implicación política, pero agora só pensamos no ben dos cidadáns", asegurou, no medio de apupos, o concelleiro de Somos Fene Xosé Manuel Rodríguez Bastida.

O acabado de nomear alcalde dixo que, desde hoxe, vai traballar en defensa dos cidadáns de Fene.

Reivindicou o dereito do PP a gobernar. "Imos traballar para sacar adiante a Fene do desgoberno no que esta sumido", dixo o alcalde entrante, Gumersindo Galego.

A moción xa se tentara sacar adiante no mes de outubro, pero o asunto xudicializouse ao considerar os 2 concelleiros de Somos Fene tránsfugas, algo que a xustiza desbotou.

Noticias web

07/04/2018