CRTVG

Buscar

O Pontevedra non pasa do empate

Publicado o 14/01/2019 17:43

O Pontevedra púxolle cerco á portería do Unionistas, pero non entrou nin o penalti de Arruabarrena. Os granate, sétimos e empatados co cuarto, prefiren ver o vaso medio cheo.

Luismi Areda, adestrador do Pontevedra C. F.: "Non estivemos precisos na finalización e, se non podemos gañar, polo menos non perder. É a lectura positiva: portería a 0, unha semana máis sumando...".

O Coruxo segue na zona morna, despois de que Samanés e Mateo despexaran o camiño no Vao diante do Fuenlabrada nun partido con moito perigo.

Jacobo Montes, adestrador do Coruxo F. C.: "É o último equipo que marca o descenso, así que sabiamos que unha derrota era meternos en problemas, e unha vitoria meter ese colchón de 5-6 puntos para traballar con tranquilidade."

Na segunda B nada é sinxelo, e Joaquín meteu os seus no partido tras o descanso. A sentenza asinouna Samanés a quince do remate. E o Rápido segue soñando coa salvación, despois de derrotar a todopoderosa Cultural co madrugador tanto de Javi Sánchez e un recital de Brais baixo os paus. 

Míchel Alonso, adestrador do Rápido de Bouzas: "Isto vai ser un exercicio de crer e despois de insistir. Penso que estamos preparados para iso, estamos demostrando".

O Rápido é penúltimo e ten a cinco puntos ao posto de play out que ocupa o Celta B, despois de apañar en Guijuelo a terceira derrota consecutiva.

Noticias web

14/01/2019