CRTVG

Buscar

O Pontevedra derrota o Rácing e colle distancia co descenso

Publicado o 19/02/2018 10:05

 

Na segunda B tivemos duelo de históricos en Pasarón. Pontevedra e Racing de Ferrol medíronse apurados pola necesidade. E gañou o Pontevedra. Os granates collen aire ante un Racing que non levanta cabeza.

A imaxe fala do que foi o partido. Os xogadores do Rácing tentando xustificar diante da súa afección unha actuación impropia dun equipo que se xogaba a vida.

A ledicia do gran clásico da Segunda B foi para o Pontevedra. Aproveitou todas as facilidades que deu o Rácing, sobre todo na primeira metade. Un exemplo a xogada do primeiro gol, unha perda de balón no centro do campo que Jorge Hernández emboca na rede. Sen tempo para a reacción Alex González solta un disparo terrible dende a frontal que supera a Mackay. Ricardo dende a bancada non daba creto. Dous a cero e urxía un xiro radical. 

Tentárono os ferroláns metendo tres trocos no descanso pero nin con esas. Ao pouco de comezar o segundo tempo unha brillante xogada de ataque foi culminada por Iván Martín co tres a cero. Para colmo de males o Rácing non marcou nin de penalti, mérito de Edu Sousa cunha parada magnífica. Tres a cero, o Pontevedra mantense na loita da permanencia. O Rácing entra na UVI. A salvación complícase moito.

Noticias web

19/02/2018