CRTVG

Buscar

O Poio racha a serie vitoriosa do Ourense (2-3)

Publicado o 07/03/2020 21:57

O Poio Pescamar conseguiu a vitoria na cancha do Ourense Envialia. Asaltou Os Remedios nun partido no que foi de menos a máis. Non tardou en adiantarse o equipo local. Aos 5 minutos marcaba a capitá Marta Rodríguez. O Poio conseguiu o empate nunha das súas escasas accións de perigo. Igualou Iria Saeta cunha falta directa que golpeou contra unha defensora.
O tanto fixo medrar o Poio, que se converteu en dominador da man do excelente partido da talentosa Ana Rivera. Tan só lle faltou o gol, algo que conseguiría aos tres minutos do reinicio grazas á pegada de Daniella Sousa. Conseguiu reaccionar o Ourense Envialia, que tirou do xogo de pívot da perigosa Sara Moreno. A cordobesa logrou o empate logo dun erro do Poio na saída do balón.
Poucos minutos despois, o Envialia perdía a Sara Moreno por lesión. Cunha forte escordadura de nocello e con evidentes xestos de dor tivo que deixar o encontro. O equipo local perdeu forza e diso aproveitouse o Poio Pescamar, que rematou mellor o partido. Outra boa xogada de Ana Rivera permitiu o gol de Daniella Sousa, o definitivo 2-3, cando quedaban 4 minutos para o final.
O equipo pontevedrés defendeuse con acerto e sen agobios e asegurou unha vitoria que poñía fin a sete triunfos consecutivos das ourensás. O Poio volvía gañar a domicilio, algo que non conseguía desde novembro.

 

Noticias web

07/03/2020