CRTVG

Buscar

O PNV apoiará o estado de alarma se a fase 3 se xestiona desde as comunidades

Publicado o 29/05/2020 11:07
O PNV apoiará o estado de alarma se a fase 3 se xestiona desde as comunidades

O portavoz do PNV no Congreso dos Deputados, Aitor Esteban, afirmou que o seu partido negociará co Goberno de Pedro Sánchez que se flexibilice a fase 3 de desescalada e que se deixe nas mans das comunidades autónomas "as decisións que se puidesen tomar arredor dela", a cambio do seu apoio á prórroga do estado de alarma.

Ademais, confiou en que o texto que o Goberno poida presentar sobre unha nova ampliación do estado de alarma "sexa previamente pactado e discutido e falado" coa súa formación.

Nunha entrevista concedida a Onda Vasca, Esteban sinalou que onte recibiu unha chamada do PSOE para empezar a falar da prórroga do estado de alarma.

"Hai que ver negro sobre branco o que propón o Goberno", engadiu.   

O deputado do PNV dixo que, se se avanza na liña de que se flexibilice a fase 3 e se deixa en mans das comunidades autónomas "as decisións que se puidesen tomar ao redor dela", podería producirse o apoio á prórroga do estado de alarma.

"Se se avanza nesa liña, que é o que imos negociar co Goberno español discutindo o texto, podería ser que puidésemos apoiar", engadiu.