CRTVG

Buscar

O club Palmira da Pobra conciencia dos problemas que causan os plásticos no mar

Publicado o 09/06/2019 17:05

Clubs galegos pequenos como o Palmira Scuba na Pobra do Caramiñal levan máis de 25 anos recollendo o lixo e concienciando a quen os visita do pecado capital que supón tiralo ao mar. Non hai moito cederon unha tonelada de plástico da ría a unha artista que xa fixera o mesmo co refugallo do río Támese. Lembran que o ecoloxismo ten que practicarse todos os días e non só o marcado no calendario como o Día Internacional dos Océanos.  

A curtametraxe da Fundación Reina Sofía Lemmon ensina que os plásticos na natureza non teñen nunca bo final, días atrás celebridades nas redes como o cociñeiro Dabiz Muñoz ensinaban o plástico que hai no intestino dun peixe. Parece que coincidindo co Día Internacional dos Océanos, que foi onte, o plástico que contamina os mares e océanos chega ás redes e aos medios do mundo.

Xosé Manuel Fernández,  mergullador e instrutor de Palmira Scuba. "Espero que isto non encriste a ninguén, pero está de moda. Veña, facemos un día do medio ambiente. Non, o día é todos os días. A pena é que só se fai este ano, ou hoxe, ou mañá que é o Día dos Océanos. Non. Isto hai que facelo todos os días".

Isto é o pequeno club palmira Escuba na Pobra do Caramiñal. O instrutor de mergullo e o seu equipo levan 25 anos cumprindo e obrigando a cumprir unha regra cando se sae ao mar.

Xosé Manuel Fernández, mergullador e instrutor de Palmira Scuba: "Nós temos unha norma desde que montamos a empresa, desde que nacemos no ano 1992, que entremos sen nada e saiamos da auga con algo, plástico, botellas, bastóns...".

Nesa bolsiña de rede azul que ven recolle o plástico do mar todas as veces que fai unha inmersión. Xosé Manuel documenta o que ve, rodas baixo o mar, plásticos flotando... En cinco días recolleron mil quilos de plástico, e todo acabou convertido na materia prima desta intervención da artista María Arceo, á vista na Cidade da Cultura. E con todo, con todas as toneladas de plástico recollido en Galicia, aquí...

Xosé Manuel Fernández, mergullador e instrutor de Palmira Scuba: "Aínda non hai esas grandes masas de lixo que se ven noutras zonas. As mareas a nós fannos un traballo moi importante. Sacan o plástico de aquí e lévano a outros sitio. Problema sen solucionar".

Cada ano os humanos tiran ao mar entre dez e doce toneladas de plástico.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/06/2019