CRTVG

Buscar

As diferenzas no Goberno atrasan o plan de 11.000 millóns en axudas a empresas

Publicado o 09/03/2021 16:55

Anunciouno Pedro Sánchez no Congreso hai dúas semanas pero ese plan de axudas segue sen concretarse. Ía aprobarse no Consello de Ministros deste martes, pero finalmente atrásase ao venres polas discrepancias internas, non só entre o PSOE e Podemos, senón tamén entre ministros da área económica. O voceiro de Unidas Podemos Pablo Echenique descartaba hoxe que o causa do bloqueo fose o seu partido.

Discuten cantos dos 11.000 millóns de euros irán a axudas directas para as empresas. A voceira socialista Adriana Lastra evitaba ante os xornalistas indicar porcentaxes ao tempo que subliñaba que "sempre vai ser unha boa noticia o que se aprobe nese Consello de Ministros".

Podemos quere ademais, que a xestión a faga o Estado e non as comunidades autónomas, algo que desgusta os partidos da investidura. 

Dende o PP, pídenlle ao Goberno premura. A súa voceira Cuca Gamarra denunciaba ante os medios que "cada día de atraso na posta en marcha do fondo significa que 280 empresas pechan".

Tamén os empresarios piden celeridade e que as axudas cheguen a todos os afectados. Para Lorenzo Amor, presidente de ATA, o executivo ten que evitar "focalizar a crise que está sufrindo o tecido empresarial nalgúns sectores e deixar abandonados outros". Lembran, ademais, que España é o único país da Unión que non concedeu axudas directas na pandemia.

 

Noticias web

09/03/2021