CRTVG

Buscar

O plan contra incendios incorpora drons con cámaras de vídeo térmicas e estará activo de xuño a outubro

Publicado o 03/05/2019 18:16

As cámaras vixían e gravan todo o que acontece nos montes galegos. Ademais do plano xeral, están dotadas dun zoom que acada os 15 quilómetros e permite detectar movementos sospeitosos de vehículos e persoas, axudando así a localizar incendiarios. Ademais, a imaxe das cámaras, que chega en tempo real ata este centro de coordinación, serve para facer un seguimento da evolución dos incendios cando se producen, axudando a ubicar os medios de extinción. Unha especie de grande irmán forestal que este ano se vai ver reforzado con máis cámaras, ata sumar 118, que van cubrir uns dous millóns de hectáreas de monte. Porque, ademais dos medios de prevención e extinción tradicionais, o plan contraincendios de 2019 aposta polas novas tecnoloxías como a videovixilancia ou os drons para manter os montes protexidos do lume. 

O operativo suma máis de 7.000 persoas, que achegan a Administración autonómica, o Estado e os concellos. E amplía de 4 a 5 meses o despregamento de persoal fixo discontinuo, que traballará de xuño a outubro.

O Plan contra incendios incorpora trinta medios aéreos e 360 motobombas. Aposta pola vixilancia móbil con drons, dotados de cámaras de vídeo térmicas. Farán tarefas de control e detección de incendios e comprobarán a limpeza nas franxas de seguridade.

E actúa tamén no ámbito da sensibilización. José González, conselleiro do Medio Rural: "O teléfono anónimo e totalmente confidencial en que calquera cidadán vai poder informanos äs forzas e corpos de seguridade do Estado daqueles datos que nos permitan atacar esta lacra dos incendiarios. Tres de catro incendios en Galicia son intencionados.

A Xunta destina á loita contra o lume 180 millóns de euros. No plan inclúe o convenio coa Fegamp para promover a protección das aldeas.

Noticias web

03/05/2019