O pintor vigués Luís Torras segue en activo aos seus 106 anos
O paso dos anos non semella influír no pintor vigués, Luís Torras que acaba de facer 106 anos o sábado pasado en plena forma. Cunha lucidez envexable, Torras pinta cada día fai algo de exercicio e dorme moi pouco. Os seus últimos setenta e dous anos compartiunos coa súa muller, María Jesús, o mellor regalo que a vida lle deu, segundo di.
A pleno rendemento así está o salón taller de Luís Torras. Aquí mestura os seus pigmentos, pinta e almacena parte da súa obra máis recente. Luís esperta cada mañá contra as sete e fai algo de ximnasia, le os xornais, toma a tensión e almorza ao xeito mediterráneo.
Da súa infancia ten gravada na retina as imaxes dos garridos mariñeiros do Berbés, descalzos, e das peixeiras coas patelas pingando e sen inmutarse.
Viu o rostro da morte durante a guerra en múltiples ocasións. Resultou ferido e quedou parcialmente xordo, aínda que nunca o recoñeceron como mutilado de guerra total.
Desde hai 72 anos comparte a súa vida con María Jesús, á que coñeceu en Andalucía e coa que ten un fillo, dous netos e unha bisneta de dous anos.
Torras, que tamén foi profesor de arte, ten obra no Reina Sofía, no CGAC, en Castrelos, na Casa das Artes e nunha chea de coleccións privadas, aínda que tamén destruíu moita obra e, ás veces, arrepentiuse.