CRTVG

Buscar

O pintor Labajjo Grandío aparece morto de varios días a carón da súa casa de Friol

Publicado o 08/10/2019 10:20

O pintor lugués Alfredo Labajjo Grandío apareceu morto na súa casa, situada na parroquia friolesa de Vilafiz. Deu a voz de alarma un taxista que adoitaba levalo a Friol unha vez á semana. Cando se presentaron os axentes da Garda Civil na vivenda do artista, atoparon o cadáver sen un brazo, que presumiblemente fora devorado polo seu propio can ao faltarlle a comida.

"Penso que lle puido dar algo", sinala unha veciña. "E aínda que non lle dera, se tropezou nalgunha cousa, ao mellor caeu e xa non se puido erguer. El fora operado das cadeiras e estaba moi mal. Ao mellor caeu e xa non se puido erguer. E como por alí non pasa ninguén, qué sabemos como foi."

A Garda Civil, que está a investigar o acontecido, non detectou indicio ningún de morte violenta. En canto á data do falecemento, especúlase que puido ser hai quince días. O pintor residía no lugar de Fondemera, nun sitio apartado e lonxe doutras vivendas.

"A alí nós non iamos. Se soubésemos que estaba enfermo ou algo, meu Deus! El aquí ten vido moitas veces a esta casa, moitas. Era moi bo señor, por certo. Pero qué sabemos sobre que pasou ou iso. Non se sabe."

Nacido en Lugo hai 80 anos, Labajjo Grandío era coñecido como o Picasso galego debido ao seu gran talento artístico, á súa traxectoria e á influencia na súa obra do xenio malagueño, a quen coñecera en persoa. Tras residir durante 30 anos en Madrid, decidira asentarse en Friol, onde tiña o seu taller de pintura.

 

 

 

Noticias web

08/10/2019