CRTVG

Buscar

O Pino e Vedra saen das restricións máis severas e xa volve abrir a hostalería

Publicado o 28/11/2020 15:23

Dende primeira hora a hostalería volvía paseniñamente cobrar vida nos concellos coruñeses do Pino e Vedra. Dende principios de novembro mantiñan restricións especiais e de mobilidade pola covid-19, agrupados con outros oito municipios da área de Compostela. A redución do número de casos permitiu que hoxe saian do nivel encarnado de limitacións, o que implica, que bares e restaurantes, poden abrir as súas portas.

"A xente está animada, sobre todo a xente que traballamos, e polo menos ter un sitio onde tomar un café e botar o primeiro conto da mañá", comenta un veciño.

En Arca, no concello do Pino, esta mañá os bares volvían ter clientes. Segue a haber as limitacións xerais referidas a non consumir en barra e á redución da ocupación tanto no interior dos locais coma nas terrazas. Poden xuntarse amigos, xa non teñen por que ser só conviventes, ata un máximo de seis. Iso si, sen máscara só no momento da consumición e gardando a distancia. E no deporte tamén se poden xuntar seis persoas, cando ata agora tiña que facerse de modo individual.

"Sempre que vas acompañado, só polo perigo que conleva na estrada ir un só, por se che pasa algo, tamén se agradece. E despois a compañía, evidentemente", afirma un ciclista.

Os veciños de Vedra e O Pino celebran quedar fóra das restricións máis severas, pero iso tamén significa que non poden acceder aos concellos que aínda seguen limitados, como Santiago, agás por causas xustificadas.

"Haberá que arranxar co que hai neste lugar -reinvindica un residente- que tamén hai moitas cousas que ver, moitas cousas que ver, moitas cousas que comprar. Imos arranxando"

Malia a relaxación das restricións especiais, continúan os controis xerais coma o toque de queda nocturno ou a redución da ocupación dos establecementos comerciais á metade, entre outros. Pero seguro que poder compartir un café nun bar cos amigos axuda a levalo mellor.

Noticias web

28/11/2020