CRTVG

Buscar

O Supremo determina que os interinos sexan indefinidos non fixos tras tres anos

Publicado o 28/06/2021 17:19
O Supremo determina que os interinos sexan indefinidos non fixos tras tres anos

Unha persoa contratada como interina pasará automaticamente a ser indefinida non fixa cando transcorran tres anos de contrato sen que se resolva o proceso de selección. Acordouno o Supremo en aplicación da recente doutrina establecida polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

Nun ditame coñecido este luns (do que aínda non se facilitou sentenza), o Alto Tribunal explica que o cómputo de tal prazo non pode interromperse por normas orzamentarias sobre paralización de ofertas públicas de emprego, xa que a cobertura de vacantes cubertas por persoal interino non implica incremento do presuposto.

Segundo establece, a duración máxima dun contrato de interinidade será o período de tempo durante o que se prolongue o proceso de selección para cubrir a vacante, e fixa un máximo de tres anos para que adquira a condición de indefinido non fixo.

Sentenza do tribunal europeo

O Pleno da sala do social abordou os efectos da recente sentenza sobre persoal interino do TXUE, que o pasado 3 de xuño declarou contraria ao dereito europeo unha normativa española.

En resposta a unha cuestión prexudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, o TXUE obxectou a norma que permite renovar contratos de duración determinada en espera da fin dos procesos selectivos sen data e prohibe a asimilación de persoal "indefinido non fixo" e o pago dunha indemnización.

O tribunal europeo considera que o Acordo Marco europeo oponse á normativa tal como foi interpretada pola xurisprudencia nacional. Segundo a corte don sede en Luxemburgo, "non está xustificada" a renovación de contratos ou relacións laborais de duración determinada para atender necesidades que en realidade non teñen carácter temporal, senón permanente e duradeiro.

O Supremo indica nunha nota que a sentenza, que afecta a 800.000 persoas empregadas na administración pública, darase a coñecer en breve.

Noticias web

28/06/2021