CRTVG

Buscar

O persoal do Hospital de Ourense dinos que non paga a pena xogar coa saúde

Publicado o 24/12/2020 14:07

Antes de xuntarnos esta noite coas nosas familias, o persoal da unidade de críticos do hospital de Ourense queren lembrarnos que non paga a pena xogar coa nosa saúde e a da nosa xente por unha cea, aínda que sexa Nadal, e por iso nos trasladan algunhas recomendacións.

O persoal sanitario das unidades de críticos deste complexo hospitalario de Ourense queren hoxe lembrarnos a importancia de ser prudentes nas ceas e comidas de Nadal. Para iso realizaron un vídeo en que nos din que non paga a pena arriscar a nosa saúde e, sobre todo, a saúde das nosas persoas maiores por unha xuntanza. Para protexernos e, sobre todo, protexer as nosas persoas maiores inciden en que os encontros no interior se deben facer con máscaras e coas fiestras dos cuartos abertas.

"Pensa en ti e pensa nos teus. Non paga a pena". "Non xogues coa túa saúde, non paga a pena". "Vaste xogar a saúde por unha cea? Non paga a pena". É a mensaxe que nos transmite o persoal da unidade de críticos do Complexo Hospitalario de Ourense.

"Que estamos ante un Nadal diferente e que está nas nosas mans que sexa seguro para nós e os nosos. Celebremos o Nadal si, pero celebremos con sentidiño, pensando non só neste Nadal, senón en todos os que están por vir", di María Sande, xefa do Servizo de Medicina Preventiva da área sanitaria de Ourense.

Esta noite, antes de quitar a máscara e caer na tentación de abrazar e bicar a familia, dinnos que pensemos por un momento se paga a pena.

"Xuntémonos pero o menos número de persoas posibles, sempre respectando as distancias de seguridade, xa teremos tempo para abrazarnos. Tamén debemos usar a máscara a merirande parte do tempo, e ventilar dentro da medida do posible".

"Pensa nos nosos maiores. Non paga a pena". "En fin, non paga a pena arriscar a nosa saúde e tirar pola borda todo o que levamos feito con moito esforzo e moita dor, pensemos no futuro e pensemos no próximo Nadal". "Non apostes a saúde dos teus. Non paga a pena". Nadal e festas vai haber moitos, pero vida só temos esta. 

 

Noticias web

24/12/2020