CRTVG

Buscar

O Perseverance consegue o primeiro vídeo dunha nave aterrando noutro planeta

Publicado o 22/02/2021 23:36

A axencia espacial estadounidense NASA divulgou este luns o primeiro vídeo da aterraxe de Perseverance en Marte e tamén os primeiros sons gravados polos micrófonos instalados no vehículo espacial, que descendeu a toda velocidade o xoves pasado para pousar no cráter Jezero do planeta vermello.

É a primeira gravación de vídeo "dunha nave aterrando noutro planeta", precisou este luns en conferencia de prensa Matt Wallace, subxerente do proxecto Mars 2020 Perseverance no Laboratorio de Propulsión (JPL) da NASA, no sur de California (EUA).

O vídeo, sinalaron os expertos da axencia espacial, evidencia a "violenta" operación de descenso do robot, que en sete minutos desde que cruzou a fina atmosfera de Marte reduciu a cero unha velocidade de 20.000 quilómetros por hora con que chegaba ao planeta.

Nunhas das dramáticas imaxes obsérvase a apertura do paracaídas supersónico despois de que se desprendese da cápsula que transportou o vehículo espacial e tamén a caída de Perseverance e a nube de po que produciu xa preto da superficie de Marte.

As cámaras de alta definición a bordo do robot lograron gravar a acción desde o momento do inflado do paracaídas ata o proceso de descenso na súa totalidade. A metraxe, tomada por varias cámaras instaladas na cápsula que transportou o vehículo e no mesmo Perseverance, comeza a 11 quilómetros (sete millas) sobre a superficie e termina coa aterraxe do róver no cráter Jezero.

O venres pasado a NASA xa divulgara as primeiras fotografías en cor da superficie marciana tomadas por Perseverance e hoxe divulgou moitas outras, entre elas una en que se ven esparexidos polo terreo o róver, a cápsula que o transportou, o guindastre aéreo que o baixou suavemente, coñecido como Skycrane, e o paracaídas.

"Perseverance está a comezar e xa proporcionou algunhas das imaxes máis icónicas na historia da exploración espacial", manifestou á prensa Steve Jurczyk, administrador da NASA. Agregou que o feito reforza "o notable nivel de enxeñería e precisión que se require para construír e facer voar un vehículo ao planeta vermello", o quinto róver que a NASA pon en Marte.

O cráter Jezero foi escollido pola NASA porque se cre que foi un lago en que desembocaba un río e por tanto pode ser rico en microorganismos fósiles, entre eles, pedras volcánicas que facilitan a lectura da idade.

A axencia federal divulgou tamén "os primeiros sons gravados na superficie de Marte" captados o pasado 20 de febreiro grazas á incorporación no róver, por primeira vez, de dous micrófonos. No primeiro segmento escóitase o vehículo espacial e un forte ruído do vento, e no segundo algo de vento, pero principalmente un silencioso Marte.

Ademais das novas interpretacións sobre a superficie marciana e as súas rochas, as imaxes derivadas do vídeo, especialmente as da aterraxe, servirán para a análise durante "anos e anos" destas perigosas manobras de aterraxe. Allen Chen, líder de entrada, descenso e aterraxe de Perseverance, dixo que aínda que se "comportou como era o esperado", observaron uns tres detalles que se deben analizar e mellorar, un deles relacionado co paracaídas supersónico.

"Podo ver estes vídeos durante horas e seguir vendo cousas novas cada vez", manifestou Chen. Os equipos da misión en JPL recolleron 30 xigabytes de datos e máis de 23.000 imaxes do vehículo no descenso á superficie. Manifestaron que se atopan actualmente nunha revisión exhaustiva de todos os seus sistemas e instrumentos, entre eles o helicóptero Ingenuity Mars, que fará o primeiro voo controlado e con motor noutro planeta se todo funciona ben.

Perseverance, que partiu da Terra en xullo de 2020, leva ademais un aparello que transformará o dióxido de carbono, que supón un 96 % da atmosfera marciana, en osíxeno. Iso para a respiración de astronautas en futuras viaxes tripuladas e como propulsor de foguetes para regresar á Terra. O robot ten a tarefa de buscar vida antiga, tomar mostras, estudar a xeoloxía e clima do planeta vermello e preparar o camiño para unha viaxe tripulada. 

Noticias web

22/02/2021