CRTVG

Buscar

O Pergamiño Vindel coas cantigas de Códax regresa á casa desde Nova York

Publicado o 22/09/2017 16:08

Esta tarde sairá desde Nova York destino Vigo unha valixa moi especial. No seu interior vén o "Pergamiño Vindel", o manuscrito orixinal das cantigas de Martín Códax. Unha delegación galega encabezada polo conselleiro de cultura encargarase de embalalo e custodialo na súa viaxe ata o museo do mar de Vigo. Alí estará exposto ao público a partir do mes que vén.

Consideráse o berce da cultura galega. O 'Pergamiño Vindel' contén as sete cantigas de amigo que Martín Códax escribiu hai oito séculos contemplando o mar de Vigo. A casualidade quixo que en 1914 o libreiro Pedro Vindel atopase o manuscrito dentro dun libro de Cicerón. Alí estaban as cantigas e as partituras que certifican o nacemento da nosa cultura.Todo un tesouro que nos anos 70 adquiriu a libraría Morgan de Nova York. E alí permaneceu ata hoxe, que cruza o Atlántico para regresar á casa.
Dende outubro ata marzo vai estar dispoñible para todos os galegos no Museo do Mar de Vigo, onde xa habilitaron unha vitrina de seguridade para custodialo. Un reencontro histórico entre Códax e a ría que inspirou unha das máis prezadas xoias da literatura galega.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/09/2017