CRTVG

Buscar

O Pequeno Nicolás irá a prisión por facerse pasar por un alto cargo en Ribadeo

Publicado o 20/07/2021 10:15
O Pequeno Nicolás irá a prisión por facerse pasar por un alto cargo en Ribadeo

Francisco Nicolás Gómez Iglesias, coñecido como o Pequeno Nicolás, foi condenado a tres anos de cárcere por facerse pasar por un cargo relacionado coa Vicepresidencia do Goberno e a Casa Real na súa viaxe a Ribadeo para reunirse co presidente de Alsa en agosto de 2014.

Na sentenza, á que tivo acceso EFE, a sección décimo séptima da Audiencia Provincial de Madrid condénao a nove meses de cárcere como autor dun delito de usurpación de funcións públicas coa atenuante analóxica de anomalía psíquica e dilacións indebidas e a outros dous anos e tres meses de prisión por un delito de suborno activo, no que concorren as mesmas atenuantes.

Á vez, quedou absolto dos delitos de falsidade e de malversación de fondos públicos dos que tamén o acusaba a Fiscalía, que pedía para el sete anos de cárcere.

Na súa declaración no xuízo, o Pequeno Nicolás explicou que non pretendía facerse pasar por unha autoridade senón que só finxiu ser unha persoa importante para sentirse "poderoso".

Noticias web

20/07/2021