CRTVG

Buscar

O Pequeno Nicolás enfróntase a sete anos de prisión polo caso Ribadeo

Publicado o 20/05/2019 08:50
O Pequeno Nicolás enfróntase a sete anos de prisión polo caso Ribadeo

Na Audiencia Provincial de Madrid está previsto que se celebre hoxe o xuízo ao coñecido como Pequeno Nicolás polo chamado caso Ribadeo. Francisco Nicolás Gómez Iglesias enfróntase a unha petición fiscal de sete anos de prisión polos delitos de usurpación, falsidade e suborno. Con todo, a celebración da vista está no aire despois de que a súa avogada renunciase hai uns días. 

O chamado Pequeno Nicolás volve sentar hoxe no banco dos acusados en relación cos feitos acontecidos en agosto de 2014 en Ribadeo. Francisco Nicolás Gómez Iglesias, hoxe de 25 anos, facéndose pasar por representante da Vicepresidencia do Goberno e da Casa Real, supostamente, concertou para o 13 de agosto unha comida entre o empresario Jorge Cosmen, daquela presidente da empresa de transportes Alsa, e unha alta personalidade da Casa Real, comida á que obviamente non se presentou nin o Rei nin ninguén, tal e como comprobaron ese día a comitiva de recepción en Ribadeo, co alcalde á cabeza. Para levar a cabo o seu plan, o acusado alugou catro vehículos de alta gama e falsificou, di o escrito de acusación, dúas acreditacións do Ministerio de Interior. A Fiscalía pide sete anos de prisión para o Pequeno Nicolás e unha multa de 81.000 euros polos delitos de usurpación de funcións públicas, falsidade en documento oficial e suborno.

Dous policías municipais que o acompañaron nesa viaxe, e aos que supostamente convenceu de que era enviado da Zarzuela, tamén están imputados. Para eles solicita catro anos e dezaoito meses de prisión.

A avogada do Pequeno Nicolás renunciou hai pouco á súa defensa por "presións indirectas", explicou no seu escrito, que poñen en perigo o correcto exercicio do dereito á defensa.

Tras ser detido, en outubro de 2014, o Pequeno Nicolás xa se enfrontou ao xuízo pola demanda que lle puxo o Centro Nacional de Intelixencia por inxurias e calumnias. Daquela, o forense que o examinara diagnosticáralle un "trastorno delirante de tipo megalomaníaco".

 

Noticias web

20/05/2019