CRTVG

Buscar

O pequeno comercio reabre en Galicia apelando ao apoio cidadán

Publicado o 11/05/2020 11:16

O pequeno comercio reabre hoxe as súas portas e apela ao apoio da cidadanía para garantir a súa supervivencia. Nunha das rúas máis céntricas de Vigo, en Urzáiz, a presidenta da Asociación de Comerciantes do Calvario resumía así as expectativas da xornada de hoxe: "Temos unha sensación mesturada de incerteza, medo e tamén alegría", di Encarna Álvarez.

O comercio de proximidade reivindícase, nesta primeira xornada da fase 1, como dinamizador da vida social e económica das cidades.

"Damos emprego a moita xente, e queremos mantela, porque somos os que damos vida á cidade".

Desde asociacións como esta piden que os consumidores apoien o comercio local e vaian mercar, con todas as garantías de seguridade, ás tendas das cidades.

Desde hoxe poden abrir as tendas de menos de 400 metros cadrados sen necesidade de cita previa.