CRTVG

Buscar

O pequeno comercio adáptase á era dixital apoiado polas axudas á innovación

Publicado o 09/11/2020 15:50

Máis de 500 comercios galegos están a dixitalizar e modernizar os seus locais apoiados pola Xunta. As axudas, que suman uns 4 millóns de euros, buscan que os negocios de proximidade se adapten ás novas demandas dos consumidores.

En concreto, estas axudas apoian unhas 1.000 iniciativas de dixitalización que desenvolven pequenos comerciantes e artesáns do país.

Impúlsanos para que avancen no mundo dixital, mellorando as súas páxinas web, o comercio electrónico, a xestión de redes ou a imaxe dixital. Ademais, reciben apoio para a modernización de locais e a apertura de novos establecementos, mesmo para facelos máis sostibles.

A idea é que o comercio de proximidade non quede atrás e se adapte ás demandas dos consumidores da era dixital.

Cristóbal decidiu vestir de regalo a conserva galega nunha pequena tenda da zona vella compostelá. Unha aventura curiosa que botou a andar con dúas axudas á innovación, a primeira para montar un local que espertase a curiosidade dos clientes.

O que vende son conservas e viños, que tamén se poden mercar a través do seu portal web. Tamén contou con apoio para montalo, e agora que a pandemia lle quitou o cliente presencial, quédalle o virtual.

No bazar de deseño de Francisco, na Coruña, onde se pode mercar desde un lapis a un sofá, saben ben da importancia de estar dixitalizados. Na súa páxina xa compran moitos clientes internacionais, pero agora teñen axuda para posicionala e mellorala.

Nestas axudas ao pequeno comercio tamén se apoia a ecoinnovación. Grazas a ela, en Mobles e decoración Castro Seis van facer unhas bolsas de regalo máis sostibles, outra das grandes inquedanzas dos consumidores da era dixital.

Noticias web

09/11/2020