O Pentágono choca con Trump e rexeita o uso de tropas para frear as protestas
O secretario de Defensa estadounidense, Mark Esper, rexeitou este mércores o emprego de tropas en activo para conter a vaga de protestas no país, nun aberto sinal de desacordo co presidente Donald Trump, quen prometeu man dura e avanzou a dita posibilidade este luns.
A inesperada e contundente discrepancia pública coa Casa Branca abre unha fronte máis no medio da convulsa semana vivida polas masivas protestas, que nalgúns casos derivaron en disturbios, saqueos e enfrontamentos coas forzas de seguridade, desencadeadas pola morte baixo custodia policial de George Floyd. "A opción do uso de tropas en activo no papel de garantes da lei debería ser só o derradeiro recurso, e só para as situacións máis urxentes e extremas", afirmou Esper nunha conferencia de prensa desde o Pentágono este mércores.
"Non estamos nunha desas situacións agora. Non soporto invocar a Lei de Insurrección", subliñou sobre a posibilidade de utilizar o exército no interior do país exposta polo mandatario. Esa lei permitiría aos membros das Forzas Armadas levar a cabo arrestos e labores policiais dentro do territorio estadounidense, algo que teñen prohibido.
Este luns, Trump anunciou a súa disposición para despregar "miles e miles de soldados fortemente armados" e de axentes da lei para deter os disturbios en Washington DC, tras varias noites de protestas e saqueos na capital. Pouco despois da mensaxe televisada, os manifestantes concentrados ante a Casa Branca foron dispersados con gases lacrimóxenos para que Trump puidese cruzar a pé a praza e posar ante os xornalistas gráficos diante dunha igrexa.
Aínda que a tensión se rebaixou nas últimas 24 horas, as protestas non cesan nos Estados Unidos, onde polo menos 40 cidades decretaron o toque de queda e permanecen baixo custodia da Garda Nacional. Segundo os recontos preliminares dos medios estadounidenses, máis de 10.000 persoas puideron ser detidas nas protestas masivas que se produciron de costa a costa do país.