Chantada pedirá a declaración de zona catastrófica; arrasadas unhas 70 hectáreas de viñas
Arredor das cinco da tarde, o trebón descargaba con forza en Chantada en forma de pedrazo. Foron tan só catro minutos, pero provocou importantes danos nos viñedos da Ribeira Sacra e deu por perdidas as colleitas. O presidente do Consello regulador Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, afirmou que a colleita desta campaña está totalmente arruinada e que o dano nas cepas afectará a produción dos próximos anos.
José Manuel Rodríguez manifestou que agora os viticultores teñen que facer "un traballo de recuperaión das cepas" estragadas e que iso supón unha tarefa extra. A tormenta descargou na zona de San Fiz, onde hai moitos viñedos. O tamaño das pedras da sarabia era considerable, e moitas follas e acios quedaron tirados polo terreo. Os viticultores agardaban que esta fose a mellor colleita dos últimos anos.
Nin rastro dos acios nin das follas, as vides estaban en flor e non queda nada. "Hai un dito que é: 'Quedou por onde atar', pero desta vez non quedou nin por onde atar, arrasou con todo", David Vázquez, viticultor.
Todo ocorreu moi rápido. Do ceo caian pelotas de pedrazo e en segundos perdeuse o traballo de moitos meses. "É unha pena porque era unha colleita sá, estaba sendo un ano moi bo", engade David.
Perdida a colleita, os esforzos céntranse agora en salvar as cepas. "Estamos dándolles un tratamento fúnxico anticicatrizante para que a cepa colla forza, a próxima semana haberá que podalas", Héctor Ferreiro, viticultor.
Os numeros máis de 70 hectarias arrasadas, 120 viticultores entre os afectados. O Concello solicitará a declaración de zona catastrófica.
"Estás condicionado a moitas cousas, tes traballadores estivais e ao perder a colleita será complicado manter os postos de traballo", Héctor Ferreiro, viticultor.
A outra imaxe que deixan as treboadas: o río Cabe ao seu paso por Monforte, tinguido de marrón polo arrastre de terra e lama.