CRTVG

Buscar

O peche de Madrid queda pendente da reunión entre Ayuso e os presidentes das dúas Castelas

Publicado o 28/10/2020 15:06

Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio, os de onte pola tarde, confirmáronse por PCR máis de 18.000 contaxios novos nun día. Ademais, Sanidade notificou 267 mortes. É a peor cifra nesta segunda vaga da pandemia.

Preocupa a saúde dos cidadáns e tamén unha posible saturación nos hospitais, concretamente nas UCI. Na mellor situación, en verde, só está Galicia, cun 9,9 por cento de camas UCI ocupadas con covid. Cantabria e as Canarias teñen as UCI en nivel amarelo. En nivel laranxa están Valencia, Murcia, Estremadura e Baleares, con entre un 15 e un 17 por cento de ocupación das UCI. E superando o 20 por cento están o País Vasco, Castela-A Mancha, Asturias e Andalucía. En cor vermella, o nivel máis crítico, o que máis compromete o bo funcionamento das UCI. Nun 36 por cento de camas ocupadas están Navarra, A Rioxa, Cataluña e Castela e León. Por riba do 40 por cento teñen as UCI Aragón, Madrid, Ceuta e Melilla. 

A capital de España e outras 5 comunidades están en niveis críticos. Madrid debate o seu peche perimetral. De momento no hai unha decisión tomada.

Isabel Díaz Ayuso quere escoitar o que opinan os presidentes das comunidades limítrofes das dúas Castelas antes de decidir se pecha Madrid ou non. Esta mañá o asunto estivo sobre a mesa do Consello de Goberno. Madrid, por certo, volverá permitir as xuntanzas de non conviventes nun máximo de seis nas franxas horarias do toque de queda, aínda que non se vai poder saír á rúa. Mentres, no resto de España, as comunidades seguen endurecendo restricións.

A decisión non se coñecerá ata esta tarde. Ignacio Aguado di que a última palabra a ten a presidenta da Comunidade, que xa escoitou os conselleiros. A de Aguado é prohibir entradas e saídas só nas pontes festivas. Isabel Díaz Ayuso quere escoitar os seus homólogos de Castela-A Mancha e Castela e León esta tarde en Ávila. O presidente manchego xa anunciou que proporá un peche perimetral coordinado que en Castela e León avalían os expertos.

E esta noite en Sevilla, queima de colectores e lanzamento de bengalas en protesta polo toque de queda. Andalucía, con máis de 2.000 contaxios en 24 horas, ten sobre a mesa o confinamento perimetral que aplican xa Asturias, Navarra, Aragón, Euskadi e A Rioxa. Estremadura anuncia o peche perimetral de Hervás, Alcuéscar e Arrollomolinos. Afecta uns 7.000 veciños.

En Cataluña aumentan os hospitalizados. Notificou máis de 5.000 casos novos. A Generalitat segue sen descartar medidas máis duras, de confinamento. Esta tarde haberá un novo encontro do Ministerio coas comunidades no consello interterritorial.

 

Noticias web

28/10/2020

Máis sobre actualidade