O peche da fronteira con Portugal provoca atascos na ponte internacional de Tui
A ponte internacional entre Tui e Valença é o único paso con Portugal que está aberto as 24 horas. Dende que se pechou a fronteira co país veciño, os atascos son frecuentes. Pero os rexistrados nas últimas xornadas están acabando coa paciencia de veciños e traballadores. A causa do colapso está en que as autoridades portuguesas endureceron os controis.
Os deputados galegos do PP no Congreso piden a comparecencia de tres ministros: o de Transportes, a de Exteriores e o do Interior. Tamén lle reclaman ao Goberno central que contacte coas autoridades da república portuguesa para que se reforce con medios ese controis. Para o deputado Celso Delgado, "non estamos falando dun tema menor, senón dunha eurorexión que se está vendo paralizada na súa actividade económica, que é moi importante, por circunstancias administrativas".
Traballadores transfronteirizos que chegan tarde ao traballo, mercadorías que non se entregan en prazo, tempo e combustible gastados..., as perdas económicas agrávanse co paso dos días. Organizacións e concellos de ambos os dous lados do Miño xa están recollendo datos dos afectados para reclamarlles aos gobernos de España e de Portugal unha compensación polos prexuízos que lles están causando.