CRTVG

Buscar

O Pazo de Meirás reabre as súas portas ante a emoción das vítimas do franquismo

Publicado o 01/07/2021 21:25

EFE

EP

O Pazo de Meirás reabriu as súas portas ante a emoción das vítimas do franquismo e as asociacións memorialistas, que foron as primeiras en visitalo na tarde deste xoves. Foron 26 persoas as que fixeron o percorrido, e entre elas atopábanse Amalia Bóveda e Valentín García Bóveda, filla e neto de Alexandre Bóveda, e Xosé Díaz Arias, fillo de Isaac Díaz Pardo e neto de Camilo Díaz Baliño.

Amalia Bóveda comentou que viviu a maior emoción o día que se anunciou que o pazo volvía ser propiedade do pobo. Destacou a importancia da recuperación e apelou a "estar todos a un tempo para isto e para outras cousas máis". Pola súa banda, Valentín García Bóveda, neto e vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, falou da importancia do "simbolismo" que ten que descendentes de vítimas do franquismo e asociacións memorialistas pisen os terreos do pazo. "Aquí é o comezo do cambio dun relato. Cando falabamos do asasinato de Alexandre Bóveda rían de nós. Agora hai un cambio de relato e axuda ademais a unha visión diferente das demandas do tecido memorialístico", afirmou.

Xose Díaz Arias, mostrou a súa emoción e destacou esta visita por ser a primeira das que se fan guiadas de "forma democrática" e non pola Fundación Franco. Subliñou a importancia de recuperar a memoria histórica "para saber a onde" camiñar no futuro. Os visitantes foron acompañados polo guía do percorrido, o historiador Manuel Pérez Lorenzo, autor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, que foi explicando as curiosidades e a historia das distintas partes do pazo ante a atenta mirada dos asistentes.

A guía da visita ao pazo, que detalla a historia das distintas zonas e conta cun mapa do mesmo, tamén está realizada por Carlos Babío, historiador e presidente da plataforma Defende Meirás, que sinalou que era un día importante para "camiñar cara á normalidade democrática". Considerou que hai traballo para "normalizar democraticamente" un espazo que ata hai uns días representaba "a impunidade". "Hoxe están aquí representantes de familias represalidas, das asociacións de memoria histórica que levan anos comprometidas. E é o que hoxe debemos celebrar, que aquí se cumpre unha débeda histórica que ten que avanzar", dixo o historiador.

O alcalde de Sada Benito Portela e a subdelegada do Goberno María Rivas foron os representantes das autoridades que estiveron acompañando as vítimas. Portela quixo encomiar a presenza de todas as persoas que, "nun réxime sen liberdade, loitaron pola liberdade política, sindical e polos dereitos das clases populares e traballadoras". A subdelegada do Goberno cualificou o día de "histórico" e anunciou que proximamente haberá un acto coas asociacións memorialistas e que o Goberno destinará á Xunta 106.000 euros para levar proxectos de exhumacións de fosas.

A partir do 4 de xullo, será a quenda do público xeral, que poderán realizar a visita guiada previa reserva, de martes a domingos. O concello anunciou que xa hai 300 solicitudes para visitar o pazo.

As visitas serán martes, mércores e xoves polas tardes de 16:00 a 18:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas, venres e sábado todo o día en catro pases: de 10:00 a 12:00, de 12:00 a 14:00, de 16:00 a 18:00 e de 18:00 a 20:00. Os domingos o horario será só de mañá: de 10:00 a 12:00 e de 12:00 a 14:00.

Realizaranse en grupos de 20 persoas como máximo e deberán reservarse no correo electrónico reservaspazodemeiras@sada.gal ou a través de varios teléfonos habilitados onde se confirmarán data e hora da visita. Os grupos completos deberán facer a reserva por correo electrónico.

Na visita ofrecerase unha explicación xeral acerca da orixe e evolución da leira, cos seus dous momentos importantes: época de Pardo Bazán, coa construción das torres, e a partir de 1938, como uso de residencia de verán de Franco.

Visitaranse os imafrontes principais das torres, o recibidor, a capela, a granxa de Meirás, e farase o resto do percorrido polos xardíns: a árbore singular (cocoteiro de Chile), o bosque de bambús, o paseo dos magnolios, a casa de Xosefa Portela. Acabará a visita no monólito conmemorativo da visita dos Reis en 1927 para despois ter uns minutos de percorrido libre. No concello recomendan o uso de calzado cómodo para facer a visita e advirten que a ruta non é recomendable para persoas con mobilidade reducida. 

Noticias web

01/07/2021