CRTVG

Buscar

O pazo de Meirás chega aos tribunais

Publicado o 30/01/2020 10:54
O pazo de Meirás chega aos tribunais

A propiedade do pazo de Meirás, residencia estival da familia do ditador Francisco Franco en Sada (A Coruña), chegará mañá aos tribunais, onde os herdeiros do ditador e o resto de partes na causa aberta pola Avogacía do Estado decidirán, entre outras cuestións, se se acorda ou non a súa devolución ao patrimonio público.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acollerá a audiencia previa ao xuízo sobre este inmoble, que nos últimos anos protagonizou unha infinidade de reclamacións desde Galicia para que volva ser integrado nos bens do Estado, fronte á teoría da familia Franco de que o pazo foi unha doazón do pobo galego ao ditador.

A Xunta de Galicia e os Concellos de Sada e A Coruña comparecerán como parte neste proceso, no que tamén solicitou a súa incorporación a Deputación da Coruña.

A Avogacía do Estado presentou o pasado mes de xullo unha demanda contra os herdeiros de Franco pola propiedade do pazo, na que sostén que a compra deste inmoble por parte do ditador en 1941 foi "simulada" e "fraudulenta".

Argumenta que unha acta notarial de 1938 descoñecida ata o de agora confirma que a propiedade xa era residencia de verán do entón xefe do Estado da zona sublevada, e detalla que a compra se realizou o 3 de agosto de 1938 pola Junta pro Pazo del Caudillo, por 406.346 pesetas, aos herdeiros de Emilia Pardo Bazán.

Trátase dunha escritura anterior á que tres anos despois, en 1941 e acabada a guerra, asinou Franco por un suposto prezo de 85.000 pesetas, unha segunda compravenda ficticia que, segundo a Avogacía do Estado, permitiu ao ditador a inscrición do inmoble ao seu nome no Rexistro da Propiedade.

Esta demanda responde á resolución de xullo de 2018 aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia, en que se insta o Estado a exercitar as accións legais procedentes para a recuperación do pazo para o patrimonio público.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou que conste no rexistro da propiedade desa demanda.