CRTVG

Buscar

O patriarca do poboado do Vao pide perdón e a liberdade dos presos

Publicado o 11/05/2020 14:30

O sábado ingresaron no cárcere da Lama os 10 detidos en relación coa agresión sufrida o luns pasado por dous axentes da Policía Local de Poio cando acudiran ao poboado do Vao por un altercado. Os axentes seguen de baixa recuperándose das lesións. A eles e ao concello de Poio dirixiuse a través das redes sociais o pastor evanxélico do poboado para pedir perdón.

Pastor evanxélico do Vao: "Arrepentímonos publicamente, pedindo desculpas e pedindo perdón ao concello de Poio. Foi un erro e recoñecemos o erro do que lle fixeron aos policías locais".

No vídeo, pastor e patriarca defenden a inocencia dos detidos e piden a súa liberdade. Aseguran que eles mesmos depurarán responsabilidades polo acontecido.

Patriarca do Vao: "Pido a liberdade para os presos porque os 10 presos que están son inocentes".

Pastor evanxélico do Vao: "Como podedes ver nas imaxes dos vídeos, teñen cousas nas mans, pero ningún guinda obxectos contra a Garda Civil. Outros xustifican e non se ven nos vídeos nin estaban na lea, pero están detidos en prisión. Quero dicir que son inocentes. Pedimos a liberdade de todos os que están en prisión. Por outros parte, tomaremos medidas á nosa maneira para coñecer quen puido cometer as agresións para castigalos. Porque é peor o noso castigo que o da xustiza".

Tamén aproveitaron para pedirlles aos servizos sociais que non lles retiren as axudas.

Noticias web

11/05/2020