CRTVG

Buscar

O patinete eléctrico, unha alternativa exitosa ao transporte público en tempos de coronavirus

Publicado o 28/09/2020 14:30

A situación sanitaria afecta en gran medida a mobilidade urbana. Así, véndense menos coches, pero medra, e moito, a demanda doutro tipo de vehículos para os desprazamentos urbanos. E os patinetes eléctricos son, nos últimos meses, o obxecto máis desexado para moverse pola cidade.

O vendedor especializado Abel Rial confirma este crecemento da demanda, non só de patinetes, tamén de bicicletas eléctricas, segundo explica.

Estes vehículos revélanse como unha boa alternativa ao uso do coche particular e, sobre todo, ao transporte público, que en tempos de coronavirus está desaconsellado. Desde que comezaron a comercializarse ata a actualidade, a súa venda medrou exponencialmente, sobre todo nos úlitmos meses. Ademais mellorouse notablemente o seu rendemento, de forma que na actualidade por menos de 300 euros pode adquirise un patinete que, a unha velocidade máxima de 25 quilómetros por hora, pode chegar a ter unha autonomía superior aos 40 quilómetros.

Marcos Losada, responsable dunha tenda de venda e reparacións deste tipo de patinetes, cre que esta optimización é a que fai que cada vez máis xente opte por eles para desprazarse pola cidade.

A proliferación destes vehículos obrigou a establecer normas para procurar a seguridade tanto dos seus usuarios como de peóns e outros condutores. Así, ademais de non superar os 25 quilómetros por hora, está prohibilido utilizar o móbil ou auriculares mentres se conduce un destes patinetes. Tampouco se pode circular por zonas reservadas aos peóns.

No que hai unanimidade é en que estes vehículos chegaron para quedar. Habituarse a eles e aproveitar as súas vantaxes será cuestión de tempo.

Noticias web

28/09/2020