CRTVG

Buscar

O rebordamento de ríos deixa máis de 150 incidencias en toda Galicia

Publicado o 03/02/2021 15:21

O rebordamento de ríos deixa máis de 150 incidencias en toda Galicia.. Ata 125 litros por metro cadrado deixaou a chuvia en Lousame e 80 en moitos puntos de interior.

No Val do Dubra anegouse a ponte de Fiais. Hai activadas alertas polo posible desbordamento do Tambre. En Lugo, o Miño chega ás portas do Club Fluvial. E en Ponteareas non se pode pasear á beira do Tea. A boa nova é que os encoros están case ao 80% da súa capacidade.

Desbordamentos na Coruña

A imaxe que nos deixa hoxe a fervenza do Ézaro é unha boa proba da cantidade de auga que caeu en Galicia nas últimas horas. Ata 125 litros por metro cadrado en Lousame e 80 en moitos puntos de interior. O caudal dos ríos medrou de xeito considerable, deixando incidencias por toda Galicia. No Val do Dubra esta ponte de Fiais permaneceu anegada desde onte.

Hai activadas ademais alertas polo posible desbordamento do Tambre en Oroso, Negreira e Ames. En Lugo, o Miño chega ás portas do Club Fluvial e dalgúns inmobles. Hoxe chove xa algo menos e moitos aproveitan para saír pasear logo de varios días pechados na casa.

Unha chuvia que axudou a que os encoros galegos superen xa o 78 por cento da súa capacidade, sete puntos máis que a semana pasada.

Desbordamentos en Pontevedra

A pasada noite, o 112 rexistrou un total de 150 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa, a maior parte delas na zona de Pontevedra.

Desas 150 incidencias, 84 foron rexistradas na provincia de Pontevedra, onde hoxe xa tiveron un día máis tranquilo, con menos precipitacións e no que, incluso, saíu o sol. Pero a pasada noite choveu con moita intensidade e iso provocou inundacións como consecuencia do desbordamento de ríos en concellos como os de Tomiño, O Rosal ou Ponteareas.

É a imaxe que deixa o Tea esta mañá ao seu paso por Ponteareas. É evidente o abundante caudal que aínda leva o río invadindo zonas de paso. Por preacución non se pode pasear ao seu carón, porén a situación está controlada despois dunha noite en que os servizos de emerxencia estiveron vixiantes en lugares como Ponteareas, conscientes de que, se a chuvia non cesaba, a enchente do río traería consecuencias graves. 

Afortunadamente a chuvia cesou a tempo e aínda que caeron árbores e algunhas estradas estiveron cortadas por inundacións, non houbo que lamentar danos persoais e a situación pronto quedou restablecida.

Unha situación similar viviron en Tomiño ou no Rosal como consecuencia do desbordamento dos ríos. En Marín esta mañá tamén retiraban esta estada para evitar riscos xaque por mor do temporal non era estable. 

Noticias web

03/02/2021