CRTVG

Buscar

O partido xudicial de Noia adaptou 94 colexios a votantes con diversidade intelectual

Publicado o 10/11/2019 14:28

A iniciativa estreouse de xeito piloto neste mesmo colexio nas últimas eleccións municipais. Desta volta, estendeuse a 94 locais do partido xudicial de Noia. A entrada, as cabinas, a mesa, a secuencia do voto... todo está debidamente indicado con pictogramas.

"Temos uns para as papeletas de fóra e outros para as papeletas de dentro. Hai outro que é dende as nove da mañá ata as oito da tarde. E temos o que pon 'colexio electoral' que é para que os nenos con discapacidade saibamos onde temos que ir", explica Macarena.

A Asociación Amicos foi a encargada de preparar o manual e o material necesario para adaptar os colexios electorais. Estes pictogramas, presentes nun total de 137 mesas, van facilitar a votación dunhas 7.000 persoas con discapacidade intelectual.

"Eu xa non é a primeira vez que voto. Pero polos meus compañeiros e por xente con discapacidade que vive nas aldeas e non sabían disto, síntome moi feliz e moi contento", asegura Marcelino.

Estes mesmos pictogramas tamén están pensados para facilitarlles o proceso ás persoas maiores que, moitas veces, teñen dificultades á hora de exercer o seu dereito ao voto.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/11/2019