O partido de Evo Morales vence nas eleccións en Bolivia, á espera de resultados oficiais

O Movimiento al Socialismo (MAS) do candidato Luís Arce venceu a primeira volta das eleccións xerais co 52,4 por cento dos votos, segundo resultados de sondaxes a pé de urna, mentres que Comunidad Ciudadana (CC) do ex-presidente Carlos Mesa queda co 31,5 por cento dos apoios.
Preto de 7,3 millóns de persoas estaban chamadas este domingo para acudir ás urnas durante unha xornada electoral que transcorreu con total normalidade, segundo coincidiron en sinalar tanto actores políticos bolivianos, como institucións internacionais encargadas de supervisar os comicios.
O candidato do MAS saíu para agradecer ao pobo boliviano, "que demostrou unha vez máis que é sabio", polos resultados dunha xornada electoral "que felizmente transcorreu de acordo ao que estamos afeitos, tranquila e pacífica".
"Recuperamos a democracia, recuperamos a esperanza. Imos gobernar para todos os bolivianos e imos construír un goberno de unidade nacional. Hoxe foi para o pobo o que é do pobo", salientou un Arce rodeado de dirixentes do partido e de líderes e representantes de varias organizacións sindicais, de campesiños e indíxenas.
Á espera de que o Tribunal Supremo Electoral (TSE) ofreza cifras oficiais dentro dun par de días, a presidenta interina, Jeanine Áñez, felicitou os candidatos do MAS e pediulles "gobernar pensando en Bolivia e na democracia".
O candidato Carlos Mesa asumiu este luns que o seu rival electoral Luís Arce será gañador das eleccións e a súa formación Comunidad Ciudadana encabezará a oposición.
O líder de Comunidad Ciudadana compareceu ente os medios na Paz para recoñecer unha vitoria do candidato do Movemento Ao Socialismo Luís Arce, aínda que o cómputo oficial de votos segue en curso.
Carlos Mesa dixo que as sondaxes a pé de urna publicados onte á noite auguran que será "claro triunfador en primeira volta" o exministro Luís Arce, polo que Comunidade Cidadá exercerá de "cabeza da oposición" para o período 2020-2025.
Morales: "Agora imos devolverlle dignidade e a liberdade ao pobo"
O expresidente boliviano Evo Morales afirmou que o triunfo do seu partido, o Movimiento al Socialismo, na primeira volta das eleccións xerais deste domingo devolve "a dignidade e a liberdade ao pobo".
"Volvemos millóns, agora imos devolver a dignidade e a liberdade ao pobo", chiou Morales, que vive en Bos Aires, pouco despois de que se fixeran públicos os resultados das enquisas, que outorgan un triunfo esmagador a Luís Arce, candidato do MAS.
Morales comezou a súa mensaxe destacando: "Irmás e irmáns: a vontade do pobo impúxose. Produciuse unha vitoria contundente do MAS-IPSP".
Os bolivianos aínda teñen na súa memoria o violento estalido social rexistrado tras as polémicas eleccións de 2019, que desencadearon a renuncia de Morales á presidencia o 10 de novembro, denunciando que era obrigado por un golpe de estado, e deixaron ao país cun baleiro de poder ata que Áñez asumiu aos dous días o Goberno de forma interina.