CRTVG

Buscar

Más Madrid, o partido de Errejón concorrerá ás eleccións do 10-N

Publicado o 22/09/2019 21:01

Más Madrid decidiu hoxe participar nas eleccións xerais, ás que concorrerán co propósito de combater a abstención no electorado de esquerdas. A decisión definitiva tomaraa este mércores unha asemblea da organización, e como probable candidato á presidencia do goberno iría Íñigo Errejón.

Xa está decidido: a cita electoral do 10 de novembro servirá para a presentación dunha nova forza política. Así o acordaron hoxe cincocentos cargos públicos e militantes de Más Madrid, o partido de Íñigo Errejón e Manuela Carmena. É a súa resposta ao fracaso nas negociacións entre o PSOE e Unidas Podemos. Dixo a concelleira por Madrid Inés Sabanés: "Gustaríanos non ter que estar hoxe aquí, porque preferiamos que houbese un acordo electoral que garantise un goberno de progreso no noso país".

Tras sentaren hoxe as bases da súa oferta, queda para o mércores decidir en asemblea en que circunscricións se presentarán, con que aliados e con que candidato, aínda que todo apunta a que será Errejón. Rebaten as acusacións de dividir o voto asegurando que serán fundamentais para combater a abstención. Dixo Sabanés:  "Vimos sumar, nin dividir nin restar. Sumar, cubrir espazos de abstención que son o principal risco que se está producindo neste momento".

Aínda que o desacordo entre o PSOE e Unidas Podemos está detrás do salto de Más Madrid á escena política española, os seus promotores aseguran que non farán unha campaña de botarlle as culpas a ninguén.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí