CRTVG

Buscar

O Parrulo empata co Osasuna na Malata e mantén vivo o soño da Copa de España

Publicado o 07/12/2019 12:50

O Parrulo aférrase á Malata para manter vivo o soño da Copa de España. Cada partido na casa convértese nunha festa. O desta xornada, ante o Osasuna, serviu para homenaxear o ferrolán Bruno García, ex-adestrador do Parrulo e actual seleccionador do Xapón. Tamén para que Kevin Chis disputara os seus primeiros minutos ante a súa afección. E, sobre todo, para que o Parrulo sumara un punto ante un rival directo polos oito primeiros postos.

E fíxoo remontando, sufrindo. Roberto Martil puxo o 0-1 no 9, empatou Hélder no 15. Aproveitou a súa corpulencia para marcar cun disparo dende uns dez metros. E cando morría o primeiro tempo, Iago Rodríguez puxo o 2-1, marcou por segunda semana consecutiva ao rematar no segundo pau un saque de falta realizado por Adri. Xa avanzado o segundo tempo, o mago da Malata trabucouse na saída do balón, perdeuno ante a presión de Bynho, e Rafa Usín acadou o empate a tres minutos do final.

"Quero felicitar os meus xogadores. Fixeron un esforzo sobrehumano hoxe e, como non, o sexto xogador que temos nesta cidade, que é incrible o da afección", salientou Suso Rey, o segundo adestrador do Parrulo.

A afección empurrou nos derradeiros tres minutos, Hélder voou para salvar o terceiro sobre a liña. E co empate rematou o partido, un punto sen Isma nin Rahali, mancados, un punto para seguir soñando.
 

Noticias web

07/12/2019