O párroco de Momán oficia unha misa para pedir melloras nunha estrada
Dúas titularidades e dúas realidades contrapostas para unha mesma estrada. O treito que depende da Deputación da Coruña pasa polo municipio das Pontes e está en perfecto estado. A historia é outra no tramo lucense, no concello de Xermade. Luis Rodríguez Patiño é o párroco de Momán: "As promesas hoxe en día son fake news. Din que está presupostado, pero, onde están os cartos? Que agardan, ao inverno para facelo?"
Levan anos esixindo melloras e escoitando promesas, pero ninguén asume as súas demandas. Non perden a fe e piden mediación divina para conseguir unha vía en condicións, máis ancha e sen fochancas. O párroco de Momán oficiou a misa pola estrada. "Como vemos que non teñen aparelladores nin arquitectos eu pedinlle a Deus que amañen as fochancas, que non mande un arquitecto ou un aparellador que polo menos faga algo aquí. Eu pido axuda divina", di o cura.
Auga bendita para que circular por esta vía deixe de ser un inferno.