CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

O párroco da Fonsagrada utiliza o móbil e as redes sociais para informar os fregueses de xeito persoal

Publicado o 20/09/2018 14:35

Para acceder ás homilías semanais, á actualidade e axenda da parroquia ou ás novidades máis relevantes na igrexa xa non hai que achegarse ao taboleiro do adro da igrexa. Polo menos, na Fonsagrada. O párroco mándalles todo isto aos fregueses por WhatsApp. O cura quería ter un contacto máis directo e continuo cos fieis. E, polo que se ve, funciona.

Miguel Álvarez, o párroco da Fonsagrada, actualiza no ordenador os contidos do seu blog persoal no que reflexiona sobrea a parroquia e sobre a vida da igrexa. Esta é só unha das ferramentas vencelladas ás novas tecnoloxías que utiliza o crego para estar en contacto cos fregueses e para mantelos informados. Tamén usa listas de whatsapp nas que da conta dos actos que se van desenvolver durante a semana. Ademais, aproveita as redes sociais como facebook e twitter de xeito que a vida parroquial quede reflictida no espazo dixital. A iniciativa está a ter moi boa acollida entre os fieis, incluso entre os de máis idade.

O cura xa viña aplicando as novas tecnoloxías na súa anterior parroquia, a de San Froilán de Lugo, e decidiu trasladar a experiencia a esta zona de alta montaña onde a poboación está moi espallada e as distancias son considerables. Malia os periódicos problemas de cobertura, o servizo funciona aceptablemente e os fregueses non só están informados senón que tamén achegan as súas opinións e propostas. Así, cando asisten ás misas e oficios xa saben do que se vai falar. O párroco tamén utiliza a informática nas accións formativas como a catequese.

O crego recoñece que nalgunhas ocasións utiliza o teléfono móbil para facer as lecturas dos textos bíblicos, xa que é máis manexable que os libros sagrados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí